Histórico de campañas
Desde 1984, a imaxe da marca turística España está asociada ao famoso Sol de Miró, o logotipo do turismo español que preside desde entón as distintas campañas publicitarias postas en marcha por Turespaña. O devandito emblema foi creado en 1983 por Joan Miró, quen llo cedeu gratuitamente ao Goberno español para a promoción de España no exterior. Hoxe en día segue a ser un referente a nivel mundial, que foi imitado por numerosos países. Desde a adopción do devandito logotipo e ata o lanzamento en 2017 da actual campaña «España es parte de ti», puxéronse en marcha un total de 9 campañas publicitarias que transmitiron en cada momento unha imaxe renovada de España para convertela nun destino turístico líder.
Ata finais da década dos 60 a publicidade dirixíase cara un turismo eminentemente cultural, de alto nivel social, e sen unha estacionalidade nin localización xeográfica concreta. Foron os anos de «España es diferente», un slogan xa mítico na historia da publicidade no noso país. Posteriormente e ata practicamente finais dos anos 70, a publicidade foise centrando sobre todo no sol, as praias e as festas, buscando un turismo máis lúdico e popular.
Spain. Everything under the sun (1984-1990)
En 1984 lanzouse a campaña publicitaria co lema «Todo bajo el sol», posiblemente unha das máis brillantes, perdurables (foi empregada durante nove anos) e eficaces na publicidade española recente. A campaña outorga un gran peso ao produto de sol e praia, e evoluciona co «Todo nuevo bajo el sol», encamiñándose cara a unha promoción máis diversificada e de maior calidade do destino.
Passion for life (1991-1994)
En 1991, o novo slogan «Passion for life» remite a un turismo cada vez máis activo e vivo, acorde co noso carácter apaixonado que move a quen nos visita a gozar das súas vacacións. España amósase como o destino que responde á procura do visitante de experiencias e emocións diferentes.
Spain By (1995-1997)
Campaña de imaxe na que algúns dos fotógrafos de máis sona no mercado internacional interpretan a súa visión de España. As imaxes de Herb Ritts, Elliot Erwitt ou Annie Leibovitz amosan un país con estilo, diferente e impactante. Unha evolución desta campaña emprega, co mesmo slogan, imaxes menos persoais pero cunha estética moi coidada tamén, que presentan máis claramente a diversidade da oferta do destino.
Bravo Spain (1998-2001)
En 1998 e baixo o slogan «Bravo Spain», creouse unha nova campaña de comunicación cun lema rotundo e memorable, de fácil e igual pronuncia en todas as linguas. Transmite unha imaxe de España como un país moderno, con calidade e diversidade, e busca fidelizar aos seus visitantes en produtos alternativos ao sol e á praia, captando un turismo con maior capacidade de gasto.
Spain marks (2002-2003)
Campaña publicitaria rompedora, que basea o seu eixo creativo en considerar a España como un destino turístico con personalidade propia, unha forma de entender a vida que non deixa indiferente ao visitante, que queda marcado pola súa pegada. Trátase dunha campaña orixinal, con algún compoñente de ironía e de gran beleza estética, con imaxes en branco e negro que contrastan co slogan sobreimpreso en vermello.
Smile! You are in Spain (2004-2009)
Campaña que destaca o compoñente emotivo e próximo da visita a España, o carácter divertido e relaxado da experiencia, que destaca nas súas imaxes co trazo dun sorriso. Fai especial fincapé na forma e estilo de vida en España, transmitindo o valor da cultura española e personalizando a diversidade da súa oferta. Desde o punto de vista creativo, foi unha campaña conservadora que recolle momentos desenfadados dos turistas estranxeiros durante a súa visita a España.
Spain. 25 years beyond the sun (2008)
En 2008, Turespaña celebra os 25 anos do logotipo do turismo español, creado por Joan Miró, cunha campaña específica que se desenvolve durante tres meses en paralelo á campaña xenérica. O obxectivo desta acción publicitaria é reforzar a nosa imaxe como destino turístico de primeiro nivel. O argumento da creatividade é unha «viaxe polo tempo» na que os turistas de hai 25 anos gozan da España actual e dos seus principais atractivos: sol e praia, gastronomía, cultura, arquitectura contemporánea e compras.
I need Spain (2010-2016)
Froito dun estudo sobre o posicionamento da marca turística España realizado en 2009, púxose de manifesto a sólida posición que España seguía mantendo como destino turístico en toda Europa, aínda que sempre estivo excesivamente asociada ao turismo de sol e praia. Ao mesmo tempo, este estudo confirmou a débil posición de España nos mercados emerxentes, especialmente en Asia.
Isto supuxo a adopción dunha nova estratexia baseada nun dobre obxectivo: o reposicionamento da marca España nos mercados europeos, para dar a coñecer a diversidade da oferta turística española; e o posicionamento da marca turística España en mercados emerxentes, co obxectivo de reforzar a súa notoriedade en mercados con gran potencial onde era menos coñecida.
Para este fin, en 2010 púxose en marcha a campaña «I need Spain» (Necesito España), que pretende renovar a imaxe da marca turística España a partir dun dos seus principais activos, como é estilo de vida español.
Para desenvolver a campaña, en formatos gráficos, audiovisuais e en liña, contouse con fotógrafos de renome internacional como Erik Almas ou Ale Burset, cineastas como Julio Medem e coa colaboración de embaixadores da marca procedentes do mundo da gastronomía, como Ferrán Adrià, ou do deporte, como Gisela Pulido e os xogadores das seleccións españolas de fútbol e baloncesto.
A campaña pretende reflectir a diversidade de destinos e produtos turísticos españois a través dunha ampla gama de visuais e spots. Esta campaña tamén foi a primeira en incluír ademais materiais creativos deseñados exclusivamente para o mercado asiático.
A campaña desenvolveuse en torno a dúas grandes liñas creativas: unha vinculada a unha campaña de diferenciación e outra vinculada a unha campaña de segmentación. A primeira é unha creatividade propia dunha campaña de imaxe na que se pretende mostrar o estilo de vida español como elemento diferenciador do destino turístico español. Na segunda trátase dunha creatividade asociada a unha campaña de produto na que se mostrarán os diferentes elementos que forman parte da carteira de produtos que pretende promocionar Turespaña.
Spain Addicts 2011
Co fin de reforzar a estratexia publicitaria en medios convencionais, Turespaña lanzou en xuño de 2011 unha campaña de comunicación en medios dixitais cuxo eixo se baseou en que España é o primeiro destino do mundo con maior fidelización por parte dos turistas; dos 53 millóns de turistas estranxeiros que visitan España, un 85 % volve visitalo de novo. Un feito que se pon de manifesto nas redes sociais e que a campaña tivo en conta ofrecéndolle aos usuarios a posibilidade de se converteren en embaixadores da marca España por medio das súas experiencias persoais. Para este fin creouse a plataforma www.ineedspain.com, onde se puideron compartir experiencias en fotos, vídeos e mensaxes.
Campaña «España es parte de ti» (2017-2020)
Desde o 30 de xuño de 2017, Turespaña conta cunha nova creatividade para as súas campañas publicitarias internacionais: «España es parte de ti». Unha campaña que ten como obxectivo promover o turismo de calidade no noso país.
O obxectivo da campaña é o público cosmopolita, obxectivo táctico do Plan Estratéxico de Márketing de Turespaña, consumidor que marca tendencia, cunha alta propensión a gastar no destino ao que viaxa e cun alto índice de afinidade por actividades moi vivenciais: arte e cultura, compras, a enogastronomía, turismo urbano, lecer nocturno e realización de rutas e itinerarios con encanto.
A través dela, quérese atraer a este turista cosmopolita amosando a imaxe máis aspiracional e acolledora de España, buscando tres obxectivos básicos:
- Ser relevante, segmentando as mensaxes aos intereses dos nosos turistas potenciais;
- Ser crible, amosando unha España real, non tan coñecida polo noso segmento obxectivo, pero amosando unha imaxe cativadora e aspiracional de España, afastada das típicas imaxes convencionais; e
- Ofrecer diversidade, dentro dunha experiencia única e de calidade, satisfacendo as diversas motivacións dos turistas que nos visitan.
O lema da campaña é «España es parte de ti», que fai referencia a como unha visita impregna ao turista e unha parte (un destino, un produto, unha experiencia) do país permanece dentro del despois de marchar, e así se expresa con chiscos como as polaroids que se amosan, nas que se ven turistas con partes da paisaxe de fondo de cada visual que permaneceu pegada á súa roupa ou ás súas figuras. A chamada cumpre cos obxectivos da campaña grazas a:
- A diversificación dos mercados de orixe: adaptados lingüística e culturalmente ás 22 linguas dos mercados occidentais máis maduros (inglés, alemán, francés, italiano, holandés, portugués…), dos mercados nórdicos, eslavos e de Europa oriental (sueco, danés, noruegués, finés, ruso, checo, polaco…), os mercados asiáticos (xaponés, mandarín, coreano, hindú), así como os mercados árabe, turco e hebreo. Trátase da primeira campaña que non só está traducida, senón que se adapta culturalmente a cada mercado emisor, con cambios nas mensaxes, actores e fondos. Realizouse un traballo de adaptación cultural que vai moito máis alá da mera tradución de textos.
- Ser crible, amosando unha España real, non tan coñecida polo noso segmento obxectivo, pero amosando unha imaxe cativadora e aspiracional de España, afastada das típicas imaxes convencionais; e
- A diversificación xeográfica dos produtos e dos destinos: realizouse un enorme esforzo de produción, filmando e tomando fotos en máis de 50 localizacións en 25 cidades, e máis de 500 actores e figurantes, constituíndo un dos proxectos máis complexos que abrangue Turespaña. Inclúe os seguintes produtos: gastronomía, arte e cultura, turismo urbano, descanso na costa, destinos rurais, itinerarios, lecer nocturno, benestar, compras, turismo de negocios, turismo deportivo e de natureza, turismo lingüístico e, por primeira vez, un dedicado ao turismo halal.
Campaña de publicidade internacional 2020: Back to Spain
En 2020, o mundo sufriu unha crise sanitaria, económica e social cun impacto sen precedentes no sector turístico.
España, destino líder mundial en turismo de vacacións, sufriu aínda con maior virulencia, se é posible, os efectos da pandemia.
Por iso, no verán de 2020 TURESPAÑA lanzou unha campaña publicitaria que comunicase aos potenciais turistas que as vacacións en España seguen a ser unha aposta segura.
En 2019 visitáronnos preto de 84 millóns de turistas, unha cifra relevante, sen dúbida, pero aínda máis o é o feito de que o 50 % dos europeos visitáronos 10 ou máis veces. O que vén a España repite.
Poñendo estes datos no centro, desenvolveuse o concepto.
Back to Spain
Está dirixido principalmente a turistas europeos que senten que España é como a súa segunda casa, aqueles que teñen un vínculo emocional cos destinos españois, onde viviron experiencias únicas e inesquecibles, o lugar do que gardan os mellores recordos. Para este turista, España é sinónimo de vacacións, chegou o mellor momento do ano e é o momento de VOLVER A ESPAÑA.
TURESPAÑA aposta por unha creatividade moi emotiva. Cada peza transmite as emocións que anhelan os turistas e por iso volven revivir ano tras ano no noso país, emocións aínda máis ansiadas, se cabe, despois dos duros meses vividos pola pandemia. España ofréceche relax, tranquilidade, diversión, desconexión, o goce do «teu tempo e dos teus»…
A campaña está composta por 10 pezas gráficas que reflicten a diversidade e riqueza da nosa oferta turística, atributos e destinos, dirixidas a distintos públicos obxectivos, con perfís sociodemográficos e motivacionais diversos.
A campaña difundiuse fundamentalmente en medios dixitais para acadar unha maior precisión no alcance da mensaxe, adaptándoa tanto ao país emisor coma ao destinatario, presentando as creatividades máis relacionadas.
A estratexia dixital compleméntase con impactos en medios impresos e redes sociais para comunicar aos turistas internacionais que: «estamos a agardar por eles, que chegou o momento de volver».
Back to the Canary Islands
No outono de 2020 e tras a apertura de corredores turísticos seguros entre as illas Canarias e diferentes mercados emisores europeos, retomouse o concepto de campaña para centrarse no destino Canarias.
Dirixida a mercados europeos maduros, as súas pezas gráficas reflicten a amplitude da oferta turística de Canarias, dirixíndose aos seguintes obxectivos: relaxación de sol e praia, deporte de sol e praia, estilo de vida e natureza.